Portada » Noticias » Terceiro acordo de condicións laborais en Adecco Outsourcing na provincia de Pontevedra

Terceiro acordo de condicións laborais en Adecco Outsourcing na provincia de Pontevedra

Nas asembleas
celebradas no día de hoxe xoves, vinte e dous de decembro, nos
locais de CCOO en Vigo, referendouse por unanimidade o acordo sobre
salarios que se comezará a aplicar a partir do 1 de xaneiro de 2017.

O acordo supón a
converxencia salarial progresiva en 3 anos cos salarios establecidos
no Convenio de Transporte de Mercadorías de Pontevedra partindo da
retribución anual de cada traballador, o cal no 3º ano quedará
establecido en 14.679 eur para o Peón Especializado e para a de Xefe
de Equipo en 16.091 eur. A partir do ano 2020 aplicaranse os salarios
establecidos no devandito convenio.

Por outra banda, no
ano 2017 revisaranse as funcións das persoas con categoría de Peón
Especializado e en razón destas reclasificaranse a Oficial de 2ª
(cun salario de 15.091,35 eur en 2019) ou Oficial de 1ª (con salario
de 15.631,50 eur en 2019). Segue

Outra cuestión
importante recollida neste acordo é que para os cálculos
indemnizatorios individuais en caso de despedimento improcedente ou
obxectivo e os de finalización de contrato, aplicaranse os salarios
establecidos para o ano 2019.

Este acordo supón
un incremento medio no salario fixo de máis do 8% en cada un dos
anos. Ademais, se engadimos as melloras económica que se establecen
nos dous acordos anteriores coa creación de pluses novos (Plus de
distancia/desprazamento, Plus de puntualidade e asistencia,
Complemento de IT ao 100% en accidente laboral e ao 75% en
enfermidade común) e a regulación da bolsa de horas que supuxo un
incremento importante nas horas extras; neste ano 2016 a
representación de CCOO no Comité de Empresa viu recompensado o gran
esforzo realizado para mellorar as paupérrimas condicións de
traballo do persoal desta empresa de Multiservizos.

Pero quedan máis
asuntos que tratar. Agora precísase constituír o Comité de Seguridade e
Saúde no mes de xaneiro e desde este mellorar as condicións de
traballo nesta materia. Tamén é necesario facer un seguimento do
cumprimento dos acordos para que o esforzo realizado se vexa
realmente e efectivamente compensado.

Desde que naceu este
comité, o 5 de febreiro de 2016, o compromiso adquirido co persoal
foi conseguir mellorar ao máximo as condicións de traballo e até
a data hai que recoñecer que o cumpriu sobradamente.

Vigo a 22 de decembro de 2016

JORGE CARNEIRO PENEDO

Responsable da Federación de Servizos na provincia de Pontevedra.

·